Móbil

Teño no meu teléfono máis de 50 números bloqueados e a cifra vai medrando nas últimas semanas. Na listaxe altérnanse móbiles que comezan por 6 con aqueloutros que xa o fan por 7; números con orixe en Madrid, Pontevedra, ultimamente moito Ourense, con chamadas realizadas desde Italia, Austria ou Colombia. Nin sei nada delas nin quixen saber. Non son chamadas perdidas. Son chamadas que quixen eu perder. Deixei soar a pracer, fitei a pantalla neses 10-12 segundos que durou o intento e alá se foron ao limbo da telefonía, se é que tal cousa existe. Vencín a tentación e gañei o duelo. Minipunto para min. Sería Florentino para me convidar ao palco de Wembley?, talvez Jácome ofrecéndome a secretaría municipal?, un concurso de Radio Caracol sorteando calquera huevonada? Abofé que poderei vivir coa dúbida.

Pouco se fala de que o teléfono, do que non nos separamos, se acabou convertendo nun elemento do que desconfiamos, tememos e mesmo releamos o seu uso primixenio. Xa apenas se fan chamadas sen o preceptivo Podes falar? vía whatsapp e é que, en realidade, xa apenas se fan chamadas. A xente tira de audios, trousa o que leva dentro e que a outra parte apande e o xestione! O caso é que como estará isto das chamadas non desexadas que ata o mesmísimo Banco de España entra en escena: non respondamos cun si!!! De facelo, a cousa pode pintar mal. Descolgas, pronúncialo e por moito ton interrogativo que lle poñas pode acabar sendo usado para fins espurios: subscribir un produto financeiro tóxico, realizar transaccións no teu nome, acabar de socio do Club de Fans de Miguel Tellado… Ben, isto último é brincadeira, pero é para que ponderedes a gravidade do asunto. Hai moito cibercarracho solto, xa antes de que así os denominase o gabinete terminolóxico paraoficial do DigochoEu.

Xa sabiamos que non podemos andar pola vida dicindo si a todo, que de cando en vez é xusto e necesario dicir non, e agora sabemos tamén que debemos conter os sis cando peguemos o móbil á orella. Abortalos, impedir que abrollen. Arrombalos onda esoutros sis que na vida non nos deixaron pronunciar porque a proposta que arelabamos non chegou ou o convite non se emitiu. A fórmula da felicidade como resultado do equilibrio entre os sis que emitimos, os sis que morreran connosco e algún non que nos permitimos o luxo ou o gustazo de soltar. Entre adverbios anda a cousa. Que cadaquén bote as súas contas.

Ben pensado témolo merecido. A culpa é nosa por levar o si a un contexto en que nunca debería estar. De pequenos non nos ensinaron así a coller o auricular. Leo nunha gramática do español que por outras latitudes hai outras fórmulas ben moito máis xeitosas con que saudar telefonicamente: qué hay en Cuba; aló tamén en Cuba, Venezuela ou Perú, entre outros países; a ver en Colombia; etc. Nas gramáticas galegas que teño a man nada vexo ao respecto polo que me reafirmo no que xa pensaba: o si é para as vodas e os referendos, para aceptar unha churrascada ou para recomendar un libro de Galeano, pero nunca debeu invadir o acto de atender unha chamada.

Eu, por se acaso, anuncio que a partir de agora responderei toda chamada descoñecida que me vexa tentado atender cun Quen anda aí? e teño en mente ir alternando o saúdo co catálogo de Nikis Galicia na man (como colla unha vara!! tamén me parece unha excelente frase para o caso que nos ocupa). Se me vexo moi esixido, que diría Arsenio, en última instancia non descarto acudir ao gran Bernardino Garrido e articular un Que che fixen eu a ti ghelipollas nada máis descolgar. Fóra soberbias non naceu cibercarracho nin Tellado ningún que me pille!

Deixar un comentario