As vésperas

Manuel Jabois fai moitas cousas e diría que todas, ou case todas, ben. O home orquestra do Grupo Prisa tanto lle manda unha viaxe a Nadal como a García Page, ora fai a crónica dunha investidura ora toca as miudanzas (nunca mellor dito) do caso Daniel Sancho. Na súa hiperactividade mediática mesmo se atreve a exercer de asesor de parellas e ata se lle perdoa que toque a gaita onde ninguén o chamou. Jabois Sueiro a nada lle torce o fociño. O caso é que dá igual o que acabe de pasar que velaí estará, semella que de garda 24 horas, para achegar a súa opinión por escrito ou verbalmente. Como autor literario as cousas non parecen irlle mal e desde hai uns meses é o dinamizador canallita practicamente fixo dese curioso formato denominado La cena de los idiotés. Incluso seguramente a súa letra do himno madridista sexa unha boa letra, mais iso non mo escoitaredes dicir nin moito menos o vou deixar por escrito.

E cando non se trata de abordar a actualidade pórse, así o ten recoñecido, a escribir daquilo que ten diante dos ollos e deixarse levar pola escrita, as palabras e o son do teclado. Como diría unha amiga miña, o que vale vale e o que non para a Xunta. Hai un par de anos verbalizou unha fermosa definición da Noite de Reis: a noite do 5 de xaneiro como unha gran conspiración dirixida aos máis pequenos da casa. En menos de dous minutos a definición perfecta da felicidade ou, mellor dito, das vésperas da felicidade. A todos nos ten pasado. Preparar unha viaxe, unha cita, unha reunión… Desfrutar da reserva de entradas e do restaurante, do deseño do itinerario ou da preparación dos datos positivos dun balance. Hai quen atopa a felicidade na diapositiva número 16 dun powerpoint. Mesmo imaxinar os imprevistos, para que deixen de ser iso mesmo, ten o seu aquel. A ilusión, ese gran motor.

Desde o 18F ándame na cabeza que os domingos electorais son en Galicia unha gran conspiración contra si mesma. Vexo e escoito a agrisada sesión parlamentaria de hoxe e que lonxe me parece a seguinte véspera de Reis.

Deixar un comentario